Historia do Clube

-Nace ao abeiro do Teleclube xestionado porsalesianos en 1969. Os salesianos D. Albino, D. Rosendo e persoas do pobo como Alfredo Rodríguez “Terris”, inician esta deporte coa xente do pobo. Empézanse a crear os primeiros equipos de base.

– Na década dos setenta acádanse os primeiros bos resultados a nivel provincial. Na tempada 71-72 obtense un subcampionato júnior masculino provincial e na tempada 72-73 o equipo júnior masculino queda campión provincial e participa na fase de sector noroeste do campionato de España. Os equipos aumentan e xa se comeza a traballar co minibasket. Desta época compre salientar nomes como Manuel Álvarez, Pilís, Castillo, Eladio, Sampedro, Javier Nogueiras, Jose Daniel Rodicio, Bensalem, Jose Manuel Cid e moitos mais que iran inculcando a afición a este deporte a aoutras persoas.

– Na década dos 80 nace o C.B.Allariz co nome de C. B.Orballo. Consolídase como clube con equipos en case tódalas categorías masculinas e comezan os equipos de rapazas. Os logros deportivos continúan tanto a nivel da base como do equipo sénior masculino. Na tempada 82-83 o equipo júnior masculino e campión provincial e outros tres anos subcampión. O equipo sénior masculino e campión provincial na tempada 87-88, subcampión autonómico na tempada 88-89 e ascende a segunda división na tempada 89-90. Das primeiras directivas hai que destacar nomes como D. Albino, D. Rosendo, Pilis, Tito, Bensalem, Jose Luis Piñeiro, Jose e Juan Mosquera, Paco “Artilleiro”, Castillo, Paco Lasma e moitasmáis persoas, que cun traballo desinteresado, fixeron posible que o baloncesto fora unha marca de identidade en Allariz. A lista de xogadoras e xogadores sería demasiado ampla. Gracias a aquelas xogadoras e xogadores hoxe os súas fillas e fillos seguen a practicar o baloncesto en calquer curuncho da vila.

– Na década dos noventa hai dous fitos moi importantes para o baloncesto en Allariz: inscríbese o clube no rexistro xeral de asociacións deportivas como C. B. Allariz e por fin se constrúe o Pavillón Deportivo Municipal no ano 1991. Isto facilita o aumento de equipos. Hai equipos en tódalas categorías. Afiánzanse os equipos femininos. Os éxitos deportivos seguen a producirse. Froito do traballo coa base o equipo sénior masculino acada moi bos resultados na categoría autonómica na que se manterá ao longo de trece anos, sendo nesta década o clube decano da categoría en Galicia. Tanto o servicio de deportes da Deputación Provincial, o Concello de Allariz como a Federación Ourensana de baloncesto e a propia Federación Galega de baloncesto outorgan diferentes premios a nivel colectivo e individual ao noso Clube. As entridades patrocinadoras da década anterior aumentan nestes anos e seguirán nos anos posteriores: Muebles Josblan, Discoteca Meson, Instateyka, Calvo e Iglesias, Tesoros de Galicia, Discoteca Mami, Bernardino Lage, Blanco Quintas, Alariz Promocións Inmobiliarios e outras empresas comprométense social e economicamente co Clube, sen esquecer as persoas colaboradoras e socias de Allariz que desinteresadamente axudan a que o baloncesto manteña unha sólida estrutura. Compre non esquecer ao Concello que dende o ano 1989 se implica e cre neste proxecto que ampara cunha axuda económica moi importante e cunha infraestrutura ao servicio das rapazas e rapaces da vila.

– Na década do 2000-2010 vanse recollendo os froitos do traballo realizados anteriormente. Hai unha fornada de moi boas xogadoras e xogadores a nivel provincial e autonómico en tódalas categorías, estando o Clube representado nas seleccións autonómicas tanto feminina como masculina. Non se concibe Allariz a nivel deportivo sen o baloncesto, tanto en Ourense como en Galicia. O paulatino aumento da poboación en Allariz vai permitir que a base se manteña sen ter que completar os equipos con tantas xogadoras e xogadores que antes se traian de Xunqueira, Ourense, Xinzo e mesmo Verín. Para o C. B Allariz a nivel humano e deportivo non se é de onde se nace senón de onde se pace. Temos tido sempre xogadoras e xogadores doutros sitios que se implicaron tanto ou mais que calquera de Allariz no traballo polo baloncesto . Na tempada 2009-2010 créase o Sénior Feminino por primeira vez, coa firme convicción de que esto contribuirá á consolidación do baloncesto feminino na vila e co obxectivo de, a curto prazo, o Clube conte con todas as categorías femininas e as nosas rapazas non teñan que marchar a xogar a equipos de fora. Os equipos directivos vanse sucedendo. Alberto Manzano, Tito, Elena Suárez, Manuel González, Manuel Vila, Purificación Lorenzo, Alberto Fernández e as persoas que colaboran fan que a estrutura se consolide. Para rematar agradecer a todas as persoas que aportaron o seu pequeno ou gran esforzo desinteresado a nivel de directiva, de empresas, de socios, de colaboradores, de xogadoras e xogadores e que fixeron posible esa frase tan escoitada en Ourense ou en Galicia: “Parece mentira que en Allariz co pequeno que e sempre teñades tantos e tan bos equipos de baloncesto”.

– Na tempada 2010-2011 haberá nove equipos. Un sénior masculino e un sénior feminino. Un júnior e un cadete masculino, un cadete feminino, un infantil masculino, un alevín masculino e un alevín feminino e un benxamín masculino. A directiva estará composta por Rafael Reza (Presidente), Jose Luis Quintana (Vicepresidente), Cristina Cid(Secretaria), Sonia Ramos(Tesoureira), Iago Fernandez, Rosa Espinosa García, Andrea Manzano, Alberto Fernández e Chencho vogais.

– Na tempada 2011-2012 haberá oito equipos: un sénior feminino, un sénior, un júnior, un cadete e un infantil masculinos, un infantil feminino, un alevín masculino e un benxamín feminino. Neste ano houbo un cambio de directiva, formada a partires de agora por: Alberto Manzano Pousa (presidente), Manuel Vila Borrajo (vicepresidente), María Cristina Cid Fernández (secretaria), José Manuel Franco Rodríguez (tesoureiro), Andrea Manzano Suárez, Iago Fernández Blanco, Raúl Vásalo Domínguez, Rosa Espinosa García e Sira Domarco Conde como vogais.

– Na tempada 2012-2013 volvemos a ter nove equipos: un sénior feminino, un sénior, un júnior e un cadete masculinos, dous infantiles femininos, un alevín mascuino, un benxamín feminino e outro mixto, manténdose a driectiva do ano anterior. Esta tempada pechouse, por 1ª vez na historia do clube, co ascenso de ambos equipos sénior, quedando as rapazas invictas tanto na fase regular coma nos cruces de ascenso, sendo así 1ª de Galicia, e o Sénior Masculino 4º de Galicia. Ademáis neste ano incorporamos a nova mascota do clube, Grúfalo, que será a partires de agora parte da nosa imaxe.

– A tempada 2013-2014 caracterizouse por ser a de maior número de equipos no Clube ata o momento, cun total de doce: sénior feminino e masculino, xuvenil e cadete masculinos, infantil feminino e masculino, tres equipos alevíns e tres equipos benxamíns, cun total de cento trinta e dúas rapazas e rapaces de diferentes idades desfrutando do baloncesto na vila.

– Na tempada 2014-2015 o Clube continuou a consolidar as súas bases, repetindo con 12 equipos competindo: 3 Benxamíns (33 xogador@s: mixto, feminino e masculino); 3 Alevíns (38 xogador@s: 2 femininos e 1 masculino); 2 Infantís (17 Xogador@s: masculino e feminino); 1 Cadete Feminino (15 xogadoras); 1 Xuvenil Masculino (12 xogadores); 2 Senior (24 xogador@s: Feminino e Masculino). En total 139 xogador@s.

– O Clube segue crecendo na tempada 2015-2016, consolidando as súas bases e chegando ata os 14 equiposen competición oficial: 3 benxamíns (1 feminino, 1 masculino e 1 mixto cun total de 33 licencias); 3 alevíns (2 femininos e 1 masculino con 35 licencias); 3 infnatís (2 femininos e 1 masculino, xuntando 31 licencias); 2 cadetes (1 feminino e 1 masculino, que engaden 20 licencias); 1 xuvenil (masculino, formado por 8 xogadores); e 2 sénior (feminino e masculino, cun total de 24 licencias). En total 151 xogadoras e xogadores. Ademáis, este ano créase o BabyBasket, cun grupo de 31 nen@s de 1º e 2º de primaria.

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.     ACEPTAR